O pasado 11 de marzo o alumnado do IES foi o protagonista da devolución á comunidade do traballo desenvolvido na fase 1 do proxecto. No salón de actos do instituto, o alumnado de 4º da ESO puido recibir a diversos actores do barrio e entidades participantes do proxecto e transmitirlles elas e eles mesmos o traballo desenvolvido no curso anterior, así como as diferentes reflexións e reivindicacións que derivaron dese traballo.
Este encontro acadou, ademais, o obxectivo de presentarse ante as institucións municipais, grazas á presenza da concelleira da área de Benestar social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, que é ademais concelleira do barrio Agra do Orzán. Deste xeito, o alumnado puido comprobar que é posible achegarse, a través da participación cidadá, á dimensión política do hábitat, falando directamente cos representantes institucionais da cidade. O alumnado, organizado en pequenos grupos de persoas voluntarias, soubo expresar de maneira moi acertada as súas inquedanzas e opinións ao respecto do barrio da Agra do Orzán coma barrio de coidados, dos que se sinten orgullosas e orgullosos, mais no cal tamén existen diversas carencias sociais e habitacionais que derivan directamente na calidade de vida da veciñanza, con especial atención á da mocidade e adolescencia.
Así, a concelleira tivo a ben expresar, en resposta, as súas intencións de transmitir todas estas inquedanzas e necesidades do barrio á alcaldía, así como ás áreas correspondentes, responsables das diferentes demandas transmitidas polo alumnado.
Grazas, en primeiro lugar, ao IES e ao seu profesorado, equipo directivo e alumnado que fixestes posible este encontro tan significativo para a continuidade e pertinencia do proxecto no futuro. Grazas tamén á Concellería de Benestar social, Participación e Igualdade, especialmente á concelleira Nereida Canosa e a todas as entidades e participantes que nos quixestes acompañar nesta xornada (Biblioteca do Ágora, ANPA do IES e profesorado do MOPS).