Dende o 24 de novembro ata o 8 de decembro poderá visitarse no hall do Ágora unha exposición de fotografías do barrio da Agra de Orzán que forma parte do proceso que comezou nos meses de febreiro e marzo co obradoiro de fotografía participativa impartido por Mariola Mourelo, de Ffotoeduca, entidade dedicada á educación feminista a través da fotografía.
Dita actividade, aberta á participación da veciñanza do barrio, así como a entidades, axentes educativos e activistas sociais, buscaba reflexionar sobre o urbanismo feminista e os coidados nos barrios, así como incentivar a participación e o pensamento crítico a través da fotografía. Ao mesmo tempo, procuraba formar ás persoas participantes na creación de narrativas visuais propias.
A exposición é froito do traballo levado a cabo polo alumnado do obradoiro, e está composta por fotografías realizadas por este, así como por outras persoas vinculadas ao proxecto ao longo do mesmo. Ten como eixo central a vida no barrio da Agra do Orzán e como fío condutor utilízanse as características dun barrio de coidados dende o punto de vista do urbanismo feminista (adaptado de Col·lectiu Punt 6): proximidade, diversidade, vitalidade, autonomía, representatividade, e espazos verdes e de ocio.
O obxectivo é facer que as persoas asistentes, a través das fotografías, reflexionen acerca destes aspectos, e do xeito en que nós, como veciñas e veciños, podemos axudar a facer dos nosos barrios lugares máis humanos e acolledores.