Para completar a mellora dos espazos de xogo e convivencia no CEIP Raquel Camacho, lévase a cabo, na área do patio onde se situara a mesa de xogos entregada por Érguete, a realización dun mural a cargo do artista Brais Rodríguez, facendo referencia ao nome que a comunidade educativa outorgou a dito espazo: “O recuncho de Ángeles”, en homenaxe a unha profesora que se involucrou ao longo dos anos na mellora da escola e os seus espazos de ocio.
O mural foi pintado os días 11 e 12 de decembro. O segundo día, como parte da actividade, levouse a cabo un obradoiro sobre a realización de murais con fins sociais e educativos, a cargo do propio artista. No mesmo participaron 60 alumnas e alumnos que, por quendas de 6, puideron preguntar a Brais sobre o seu traballo, recibir os seus consellos e colaborar na finalización da obra.