Obradoiro ffotoeduca con Mariola Mourelo

A pasada fin de semana e máis esta, tivemos o pracer de formarnos en fotografía participativa, desde a perspectiva dos coidados e o urbanismo ecofeminista, da man de Mariola Mourelo. Ao longo das tres sesións nas que se desenvolveu a formación aprendemos a cambiar a mirada desde a fotografía, a interpretar mensaxes e ver historias agochadas detrás das imaxes. Así, podendo levalo á práctica na segunda sesión coas nosas propias cámaras, puidemos tamén coñecer e afondar coa nosa mirada o barrio da Agra do Orzán, un barrio de coidados que se poderá dar a coñecer tamén a través da exposición prevista nesta segunda fase do proxecto: unha mostra das fotografías feitas polas persoas asistentes a esta formación.

Foi moi bonita a tarefa final das montaxes que se fixeron con algunhas das fotografías feitas, así como a reflexión acaída grazas a este exercicio. Pódese ver parte dos resultados na galería da web.

Agradecémoslle enormemente a Mariola por ternos aprendido tanto e por ter podido adaptar este obradoiro ao enfoque do proxecto. Tamén, por suposto, agradecidas a todas as persoas asistentes, que cos seus aportes e aprendizaxes permitíronnos seguir a formarnos e afondar na perspectiva dos coidados no barrio da Agra do Orzán.