Sesións no IES sobre activismo e participación con 4º da ESO

No segundo trimestre do curso escolar iniciamos as sesións de aula co alumnado participante no proxecto do IES Agra do Orzán.

Partindo do traballado na primeira fase do proxecto, con este mesmo alumnado cando estaba en 3º da ESO o curso anterior, indagamos sobre as súas inquedanzas e preocupacións, baseadas no que identificaran coma fortalezas e necesidades do barrio. Lembrando os exercicios que fixeran en base ás cartografías emocionais e corporais, retomamos os sentimentos que nos poden mover cara á acción, obxectivo desta segunda fase, poñendo en valor a participación cidadá e o dereito a ela desde a infancia e a xuventude.

Grazas á primeira actividade na que participaron este curso, o roteiro Coidando en común no que visitaron diferentes entidades sociais do barrio, puidemos reflexionar na aula sobre o labor que desenvolven estas persoas, a importancia e pertinencia do activismo no momento actual e a posibilidade de participar deste activismo desde a adolescencia, en base ás causas e reivindicacións que lles competen e interesan neste momento das súas vidas. Ao longo de cinco sesións, o alumnado puido afondar sobre o concepto de activismo e coñecer diferentes causas sociais e culturais que mobilizaron á poboación ao longo da historia, ou que a día de hoxe seguen a ser preocupacións sociais e políticas que orixinan descontento e reivindicacións sociais.

Na última sesión e grazas á colaboración da ONG Amigas da Terra, que se uniu a esta actividade do proxecto co alumnado de secundaria, achegouse tamén o concepto de ARTivismo. Sabela Trillo achegoulles exemplos de accións reivindicativas que empregan coma instrumento a arte. Así, traballarase nunha proposta conxunta na que o alumnado poida experimentar a loita por unha causa a través de accións artísticas non violentas, no seu propio barrio e para mellora do seu benestar e hábitat propio, para reivindicar o seu dereito a un hábitat digno para todas as persoas, neste caso pensando especialmente na xuventude.