Iniciamos o proceso de indagación, para mellora do tempo de recreo das nenas e nenos do CEIP Raquel Camacho, para poder dar resposta da mellora maneira posible a esta demanda do centro. Como adiantabamos en decembro, o equipo transdisciplinar de ASF que dá seguimento a esta actividade do proxecto (Marta Casal, socióloga e coordinadora do proxecto Agra: un barrio de coidados, Sabela Girón, arquitecta e técnica de educación de ASF-Galicia e Sonsoles Mosteiro, terapeuta ocupacional especialista en xogo) comezamos nesta segunda fase unha nova colaboración co cole, que busca acompañar, aportar e aprender xuntas, paseniño, tendendo á man a comunidade educativa para axudar a mirar, a transformar e a buscar os recursos que o fagan posible.
Así, a primeira parte de todo proceso de transformación pasa por coñecer e achegarse ao contexto próximo do patio. Por iso falamos co profesorado impulsor desta proposta, co alumnado e máis coas familias, a través dunha enquisa aberta a todas as que tiveron a ben achegarnos o seu parecer, coñecementos e ganas de aportar neste proceso.
Tivemos tamén unha pequena formación co profesorado en decembro, no que contextualizamos o xeito de traballar de ASF desde os procesos participativos e a perspectiva ecosocial e ecofeminista e interseccional, enfoque desde o cal se traballa en todas as actividades deste proxecto. Nesta formación tamén puidemos afondar nas necesidades e inquedanzas do profesorado participante, coñecendo de primeira man as súas preocupacións sobre o tempo de convivencia e espazo do recreo.
Achegámonos ao verdadeiro protagonista desta actividade, o alumnado do centro, a través de múltiples observacións e recollida de información no tempo de recreo, así coma en espazos de conversa creados na aula para que nos deran a coñecer a súa perspectiva sobre o xogo e a convivencia no recreo e o espazo do patio.