Iniciamos nesta segunda fase un proceso de acompañamento á comunidade educativa do CEIP Raquel Camacho, para aportar desde unha perspectiva transdisciplinar á análise do tempo, espazo e actividades do recreo escolar.
Este acompañamento xorde dunha demanda explícita, tras o traballo da fase 1, desde o equipo directivo do propio centro que ten a vontade de mellorar no posible este tempo de xogo e convivencia da infancia do barrio. Na fase 1 traballamos sobre o xogo no barrio, os tempos, os espazos, os parques desde a perspectiva do alumnado do centro. Traballamos sobre o que tiñan, as necesidades non cubertas e o seu parque soñado… Ese parque da Agra que non chega.
Pero podemos comezar polo mais próximo e cotián, ese espazo e tempo que comparten cos seus iguais case todos os días do ano.
Os procesos de transformación de patios escolares son procesos complexos, longos no tempo; custosos humana e economicamente, cheos de atrancos burocráticos, técnicos e moi desafiantes. Pero son tamén procesos que, axustadas as expectativas, catalizan procesos de indagación, reflexión e transformación de hábitos, culturas, prácticas, usos dos espazos, roles, normas e valores que inciden directamente sobre a mellora dos coidados das persoas, as relacións e a contorna.
Iniciamos esta viaxe con vontade de aportar e de aprender xuntas. Paseniño, tendendo á man a comunidade educativa para axudar a mirar, a transformar e a buscar os recursos que o fagan posible.
Aliadas coas persoas que dan vida ao CEIP, con amigas como a fundación Érguete e o seu programa de patios escolares e outras alianzas que iremos buscando no camiño.
Equipo transdisciplinar de ASF:
- Marta Casal Cacharrón. Socióloga e coordinadora do proxecto Agra: un barrio de coidados. ASF-Galicia
- Sabela Girón Gesteira. Arquitecta e técnica de educación. ASF-Galicia
- Sonsoles Mosteiro. Terapeuta ocupacional. Asistencia Técnica ao proceso dende Espazo Xógara.